A pintura de Segura Torrella chega á Casa de Galicia da man do Concello de Ferrol
A Casa de Galicia en Madrid inaugurou a exposición de pintura Nada é fráxil… Ricardo Segura Torrella, unha mostra concibida como homenaxe ao artista ferrolán no 25 aniversario do seu pasamento.
Durante a inauguración, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, sinalou que a mostra permite achegarse “á pegada dun artista con maiúsculas e a un veciño ilustre de Ferrol”. Ramos definiu tamén a súa obra como “trazos enérxicos, no que destacan as cores cálidas e vivas”.
Natural de Ferrol, Ricardo Segura Torrella foi unha das figuras máis singulares da pintura galega do século XX. Discípulo de mestres como Felipe Bello Piñeiro, Álvarez de Sotomayor e Daniel Vázquez Díaz, desenvolveu unha linguaxe propia na que conflúen tradición e modernidade, deixando unha pegada duradeira no panorama artístico galego.
Con esta exposición conmemorativa, a Casa de Galicia en Madrid reforza a súa aposta pola difusión da cultura galega e pola recuperación da memoria dos seus creadores, consolidándose como “ponte cultural entre Galicia e Madrid” a través dunha programación artística aberta ao público.
A exposición Nada é fráxil… Ricardo Segura Torrella poderá visitarse ata o 27 de febreiro na sala Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid.