A Xunta promociona a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial na Casa de Galicia en Madrid

Notas de prensa
04/15/2026
04/15/2026
15/04/2026

A Xunta promociona a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial na Casa de Galicia en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe un encontro institucional con representantes do corpo diplomático de 21 países que formarán parte da Comisión da Unesco que avaliará o vindeiro mes de xullo a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. No acto participaron o director da institución, Luis E. Ramos, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

Ramos foi o encargado de dar a benvida ao asistentes e convidounos a descubrir a Ribeira Sacra como “un lugar para sentir, experimentar e namorarse dunha paisaxe única”, destacando que “no corazón de Galicia, onde conflúen os ríos Miño e Sil, latexa un enclave excepcional que merece o recoñecemento como Patrimonio Mundial”.

Na súa intervención, López Campos trasladou aos representantes internacionais os “atributos únicos” da candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, que definiu como unha proposta “sólida e con argumentos firmes”, froito dun traballo “exhaustivo, rigoroso e coordinado” entre a Xunta de Galicia e o Goberno de España.

Neste sentido, salientou que se trata “dunha candidatura de país ante un reto compartido e ilusionante”, ao tempo que agradeceu a colaboración do Executivo central e a implicación do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, na recta final do proceso.

A acción celebrada en Madrid enmárcase na fase decisiva de promoción internacional previa á reunión do Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, que terá lugar na cidade de Busán (Corea do Sur), onde se adoptará a decisión final sobre esta candidatura. 

15 Abril 2026
Notas de prensa
Imaxes