A Xunta reúne por primeira vez en Madrid startups de BFAero con fondos de investimento para impulsar o ecosistema aeroespacial galego

Notas de prensa
07/02/2026
07/02/2026
02/07/2026

A Xunta reúne por primeira vez en Madrid startups de BFAero con fondos de investimento para impulsar o ecosistema aeroespacial galego

A Xunta celebrou hoxe por primeira vez en Madrid unha xornada de encontro entre diferentes startups participantes na sétima edición da aceleradora BFAero e noutras convocatorias anteriores —Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone— e un total de 18 fondos de capital risco interesados no potencial do ecosistema aeroespacial galego.

Na apertura da xornada, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, deu a benvida aos asistentes e destacou o papel da institución como ponte entre Galicia e Madrid e como espazo para impulsar a proxección económica da Comunidade. Neste sentido, sinalou que "Galicia non só é unha terra cunha historia e unha identidade ben coñecidas; é tamén unha comunidade que mira ao futuro, que aposta polo coñecemento, pola innovación e polo talento das súas persoas", ao tempo que subliñou que a Casa de Galicia é "un espazo aberto ao encontro, ao diálogo e á promoción da nosa terra tamén no ámbito económico".

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, foi a encargada de clausurar a xornada, que, segundo afirmou, ofrece ás startups "unha oportunidade crucial para conectar con fondos de investimento", xa que "lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado".

"Esta é unha das principais preocupacións que temos como Goberno: detectamos e acompañamos moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con Xesgalicia, necesitamos do investimento privado. Polo tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficina Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento", destacou.

Lorenzana precisou que "do labor que faga un Goberno depende en grande medida que se poida ir consolidando un sistema emprendedor innovador". Neste sentido, lembrou que Galicia foi pioneira en España na posta en marcha dun sistema de compra pública innovadora no ámbito aeroespacial que, xunto coa aceleradora BFAero, permitiu consolidar un ecosistema punteiro a nivel nacional e europeo, con capacidade para seguir medrando nos vindeiros anos.

A conselleira salientou tamén que a BFAero forma parte da Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo da Xunta, coa que se prevé mobilizar máis de 900 millóns de euros ata o ano 2030. A estratexia inclúe diferentes instrumentos de apoio ao sector, como a liña de axudas para certificacións, a convocatoria para tecnoloxías duais —dotada con seis millóns de euros e aberta ata o vindeiro 4 de setembro— ou os acordos marco de compra pública de innovación, que priorizarán aqueles consorcios que desenvolvan os seus proxectos en Galicia e contribúan a fortalecer o tecido industrial da Comunidade.

Durante a súa intervención, Luis E. Ramos agradeceu ao Igape, a BFAero e ao conxunto de entidades colaboradoras a elección da Casa de Galicia para celebrar esta iniciativa, ao tempo que puxo en valor este tipo de encontros como unha oportunidade para conectar talento, innovación e investimento. Así mesmo, convidou aos asistentes a coñecer Galicia, especialmente ás portas do Xacobeo 2027, destacando a Comunidade como un territorio acolledor, innovador e cheo de oportunidades para emprender e investir.

Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero apoiou un total de 49 proxectos empresariais —procedentes de Galicia, doutras comunidades autónomas e mesmo do ámbito internacional—, dos cales 15 deron lugar á creación de novas empresas que xeraron máis de 310 empregos cualificados, alcanzaron un volume de negocio superior aos 28,6 millóns de euros e realizaron investimentos por valor de 16 millóns. Ademais, só os proxectos correspondentes á quinta e sexta edición captaron máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado, confirmando a capacidade desta aceleradora para transformar tecnoloxías estratéxicas en empresas competitivas e con atractivo para o investimento.

02 Xullo 2026
Notas de prensa
Imaxes