XXVIII Feira do Viño de Amandi

Sober é a vila onde, a mediados de marzo, se celebra a Feira do Viño de Amandi.

Na Ribeira Sacra lucense cultívanse as vides de maneira peculiar, en empinadas terrazas ou bancales sobre o Sil, formando unha paisaxe de gran beleza, resultado da adaptación do ser humano ao medio. É Sober un dos afortunados municipios que a compoñen, formado por varias parroquias onde se cultiva o Amandi, unha variedade de viño pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que xa foi merecedor de numerosos premios a nivel internacional.

Neste concello, o sábado e domingo de Ramos celébrase unha festa de exaltación do viño "propio de amar", como se conta na lenda do topónimo, e que foi declarada de Interese Turístico de Galicia. A súa orixe é singular, xa que xurdiu como reclamo para que a xente acudise á feira de gando que se celebraba cada Domingo de Ramos, posto que esta contaba cada vez con menos xente. E hoxe en día converteuse nunha das citas obrigadas para os amantes dos bos caldos, que poden atopar ademais outros produtos típicos da zona, non só gastronómicos, senón tamén artesanais, como é o caso da cerámica de Gundivós.
Nesta ocasión, os adegueiros terán os seus postos de venda no recinto feiral, que do mesmo xeito que en anos anteriores estará situado na Praza do Concello, na que se instalará unha carpa que acollerá aos visitantes. Nela, unhas 30 casetas doutras tantas adegas serán os encargados de ofrecer degustacións e venda do seu viño, ao que xa se lle denominou "ouro líquido do Sil".

Imaxes