Presentación do libro "Federico Mediante. El Salgari español", de Ana Rosa Martínez Loredo
A autora presenta esta publicación que decidiu chamar "biografía documentada", onde tenta facer unha recensión da vida de Federico Mediante, o seu avó escritor, baseada no ordenamento cronolóxico da abundante documentación que posúe, ao que lle sumou unha narración dos feitos desexando poñer en contexto o que á súa vez lle contaron a ela. Debido a que apareceron persoas interesadas en redescubrir e poñer en valor a figura do que foi o "Salgari español", espertouse nela a obrigación de difundir a súa obra a través deste libro.
Federico Mediante foi unha persoa adiantada á súa época, un vangardista. Con apenas catorce anos asombrou aos seus pais emprendendo unha viaxe a América, en 1902; só por curiosidade e non empuxado pola súa situación económica. Non contento con esta primeira aventura, regresou para participar da guerra que España libraba en África. Terminada a campaña e logo dun pequeno período no seu pobo, volveu a Arxentina e internouse na súa xeografía traballando como actor de circo. Durante a guerra civil viviu en Ribadeo onde traballou para o xornal local "Las Riberas del Eo" e outras publicacións como "Ecos de Galicia". Escribiu a súa primeira novela de aventuras "A orillas del Pilcomayo", xénero do cal foi pioneiro en lingua castelá. Posúe unha numerosa produción literaria. 273 obras son da súa autoría. Escribiu novelas curtas de aventuras e policiais, gañando o alcume de "o Salgari español".
A pouco de cumprirse o centenario da súa primeira publicación, o obxectivo da autora é dar a coñecer e difundir a súa vida e obra poñendo en valor a súa contribución á alfabetización do pobo con publicacións curtas, de fácil e amena lectura de baixo custo.