Elías Cochón regresa á Casa de Galicia coa exposición de pintura e escultura "Os soños de Ekaitz"

Notas de prensa
11/04/2021
11/04/2021
04/11/2021

Elías Cochón regresa á Casa de Galicia coa exposición de pintura e escultura "Os soños de Ekaitz"

Onte, 3 de novembro de 2021, ás 19:30 horas, procedeuse na Casa de Galicia en Madrid á inauguración da exposición de pintura e escultura titulada “Os SOÑOS DE EKAITZ”, de Elías Cochón Rei, artista plástico natural de Vilagarcía de Arousa, provincia de Pontevedra.

É a segunda vez que Elías Cochón visita a Casa coas súas obras, pois o facía con anterioridade en 2011. Agora, dez anos despois, regresa cunha retrospectiva non exenta de nostalxia -como apuntou nas súas palabras de presentación da mostra Ramón Jiménez, coordinador de actividades da Delegación, para quen todas as retrospectivas implican unha certa nostalxia-, coa que pretende celebrar as súas máis de vinte anos xa de actividade artística. Engadiu o coordinador que esta exposición continúa na liña da antiga, nun estilo que podería definirse como “abstracción construtivista”, coa evolución lóxica proporcionada polo tempo, que, “como o título do libro de Marguerite Yourcenar, é outro gran escultor”.

Entre os materiais empregados por Elías atópanse o ferro, o bronce e o aluminio fundidos, e algunhas madeiras nobres, como a de castiñeiro de 120 anos que combina co aluminio nunha das súas esculturas. Algunhas das pezas colgadas da parede son tan pesadas e matéricas, aínda que airosas na súa resolución, que ben poderían definirse como “escultopinturas”, un híbrido entre pintura e escultura que adquire as calidades das dúas disciplinas, co que mutuamente se potencian.

Segundo o artista, a súa obra vai destinada a todo o público sensible á visión tridimensional das cousas que nos rodean, tres dimensións que en realidade el aumenta a catro, como logo contou ao explicar que o seu método de traballo consiste en empezar as esculturas desde dentro ao baleiralas interiormente. Bótase de ver facilmente a inmensa enerxía despregada para lograr estas pezas construídas e deconstruidas nas que o seu autor lanzou ao aire os dados da fantasía, e que estimulan a imaxinación do espectador ante as súas formas aparentemente caprichosas. Sen dúbida -indicou Jiménez- este creador domina a materia coa que traballa, e se a arte, como escribiu Salvador de Madariaga, “non é senón o dominio dunha materia para obrigala a transmitir o espírito, pasando a súa esencia viva dun ser a outro”, hai que concluír que Elías é un gran artista, como indican as sete letras en caracteres chineses: “ELÍAS ARTISTA”, en ferro e aluminio fundido, que distribuíu polo chan da sala B entre as sete esculturas instaladas nela.

A continuación, Elías Cochón explicou algunhas das características xerais da súa obra para pasar a dar detalles de cada unha, tanto das 13 colgadas na sala A como das instaladas na sala B, ao público que quixo seguirlle.

04 Novembro 2021
Notas de prensa
Imaxes